O Concello realiza o seu primeiro envío de axuda humanitaria a Ucraína a través de Protección Civil Oitavén-Tea

O tenente de alcalde, David Carrera, foi o encargado de facer entrega aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea do primeiro cargamento de axuda humanitaria recollida na Lama con destino a Ucraína.

Os voluntarios encheron un furgón co material aportado por veciños e veciñas da Lama coa intención de incorporalo a un camión con axuda humanitaria coordinada por esta agrupación entre os concellos do seu ámbito de actuación, é dicir, Mondariz, Fornelos de Montes, Mondariz-Balneario, Covelo e A Lama, e que sairá esta noite con destino a Ucraína para ser distribuído a través de organismos de recoñecida solvencia no ámbito da atención humanitaria.

Entre o material recollido na Lama figuran mantas, medicamentos, alimentos para bebés, gasas, cueiros, auga osixenada, alcol, leite en po, conservas, alimentos non perecedeiros e de longa data de caducidade, etc .

A RECOLLIDA DE AXUDA SEGUE ACTIVA NO CONCELLO

O tenente de alcalde, David Carrera, agradeceu aos voluntarios de Protección Civil o traballo que están a realizar para socorrer ás vítimas da guerra de Ucraína e tamén valorou moi positivamente o espírito solidario dos veciños e veciñas da Lama que desde o primeiro momento se amosaron interesados en aportar axuda humanitaria para acudir en auxilio das vítimas deste conflicto.

David Carrera reiterou que este era o primeiro envío urxente, que sairá esta noite, pero que se seguirá recollendo axuda humanitaria para seguir trasladándoa á xente que o precisa ben sexa, como nesta ocasión, a través de Protección Civil que levará o camión de xeito directo ata Ucraína, ou a través de organismos de solvencia humanitaria acreditada ou a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).