Aberto o prazo para participar no desfile e no concurso de disfraces de Entroido da Lama que terá lugar o sábado 25 de febreiro a partir das 17 horas

O Concello da Lama recupera a celebración do entroido máis numeroso e participativo de cantos se desenvolven na comarca do Verdugo-Oitavén cun desfile de disfraces que terá lugar o vindeiro sábado 25 de febreiro para o cal xa está confirmada a participación das oito comparsas máis representativas da bisbarra de Pontevedra.

Os organizadores volverán a recuperar o espírito e a diversión dun entroido popular e reivindicarán novamente a figura do Conde Cabanelas, emigrante galego natural de Covelo que impulsou a popularización e a saída á rúa do entroido de Río de Janeiro.

Para evitar problemas organizativos, este ano vaise limitar a participación de comparsas a un total de 8 facilitando tamén a inscrición de grupos, disfraces de parellas e individuais así como grupo infantil que estarán dotados de diferentes premios.

Está xa confirmada a presenza no desfile de entroido do sábado 25 de febreiro as seguintes comparsas: 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Miudos e Os Solfamidas que darán esplendor, bo humor e colorido a unha cabalgata que tamén contará con carrozas, grupos e disfraces de parellas e individuais, ademais dunha ampla representación infantil a cargo dos nenos e nenas do municipio.

Así mesmo, coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca de O Verdugo-Oitavén, habilitáronse dúas categorías: local e visitante, dotadas con suculentos premios por igual para favorecer a asistencia e a compensación en premios para os mellores disfraces. Por local a organización entende aqueles participantes domiciliados nos municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e A Lama.

Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse de luns a venres, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do xoves 23 de febreiro. O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.concellodalama.com e deberá ser presentado no Consistorio ou POR CORREO ELECTRÓNICO oficinas@concellodalama.com E LOGO CHAMAR PARA CONFIRMAR A INSCRICIÓN AO TELÉFONO 986 76 82 38.

Os premios do desfile aos que se poderán optar son os seguintes:

  1. Comparsas:

1º Premio……………Trofeo e diploma como Raíña do Entroido.

2º Premio……………………………….Trofeo e diploma do 2º Posto.

3º Premio…………….Trofeo e diploma acreditativo do 3º Posto.

  • Grupos:

1º Local…………200 euros.                         1º Visitante……..…..200 euros.

2º Local……….150 euros.                            2º Visitante………….150 euros.

3º Local………..100 euros.                           3º Visitante……….….100 euros.

  • Individuais/Parellas

1º Premio único…………………………………..75 euros.

2º Premio único…………………………………..50 euros.

3º Premio único…………………………………..30 euros.

  • Agrupación Infantil

Único premio…………………………………….50 euros.

Así mesmo, a organización poderá deixar deserto calquera dos premios previstos en función de que se considere que ningún dos participantes reúne méritos suficientes para poder levarllo.

O xurado será independente da organización e do Concello da Lama e estará formado por 5 persoas pertencentes ao tecido asociativo deste municipio. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do percorrido do desfile, durante o baile de disfraces que estará amenizado por un conxunto musical.

As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.

En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido na Lama deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.

Polo que respecta  os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.

A organización terá potestade para eliminar do concurso a calquera participante que vulnere o espírito do entroido ou que atente contra calquera dos dereitos humanos universalmente recoñecidos, tamén estará prohibido desfilar con animais de todo tipo e utilizar material pirotécnico, bengalas, petardos, etc. así como todos aqueles elementos que poidan ser considerados perigosos para o desenrolo desta actividade tanto para participantes como para espectadores.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN: