Novo período de exposición pública para a liña de media tensión LMT de evacuación 33 kV do P.E. ampliación Edreira I, nos concellos da Lama e Fornelos de Montes (Pontevedra). Expediente IN408A 2022/015

No Diario Oficial de Galicia (DOG) nº 23, do 4 de febreiro de 2025, publícase o Acordo do 20 de decembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, polo que se somete de novo a información pública:

  • As solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública, da liña de media tensión LMT de evacuación 33 kV do P.E. ampliación Edreira I, situada nos concellos da Lama e Fornelos de Montes (expediente IN408A 2022/015).
  • As solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, así como a declaración de utilidade pública, das infraestruturas de evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos Edreira I, ampliación Edreira I e Coto de Eiras, situadas nos concellos de Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén e Redondela (expediente IN408A 2022/014).
  • O estudo de impacto ambiental (EIA) conxunto da liña de media tensión LMT de evacuación 33 kV do P.E. ampliación Edreira I (expediente IN408A 2022/015) e das infraestruturas de evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos Edreira I, ampliación Edreira I e Coto de Eiras (expediente IN408A 2022/014).

Este expediente xa estivera en exposición pública no ano 2024 (Diario nº 175, do 11/09/2024). Nese momento, o Concello da Lama xa advertira, a través do informe técnico elaborado exprofeso por TYSGAL Medioambiente en outubro de 2024, sobre a ausencia dos anexos na publicación do documento denominado Estudo de impacto ambiental LMT evacuación 33 kV ampliación P.E. Edreira I e LAT 132 kV conexión a SET Pazos de Borbén.

A omisión da publicación dos anexos no DOG nº 175, do 11 de setembro de 2024, comprometeu a finalidade do trámite de información pública, vulnerando os dereitos dos veciños afectados, cuxos intereses deben ser protexidos por este Concello. Esta deficiencia do proceso, xa recollida no punto 8 do modelo de alegacións que o Concello da Lama puxo a disposición da cidadanía, obriga a repetir o trámite de información pública para as solicitudes mencionadas no Acordo do 12 de agosto de 2024, emitido pola Dirección Territorial (agora Departamento Territorial) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Este novo período de exposición pública estará aberto do 5 de febreiro de 2025 ao 19 de marzo de 2025 (ambos inclusive). Durante este prazo, calquera veciño ou asociación poderá presentar as alegacións que considere oportunas a través de calquera rexistro municipal, tanto de forma presencial como electrónica.

Para facilitar este proceso, o Concello da Lama pon a disposición dos interesados un novo modelo de alegacións, que poderá ser empregado por todas aquelas persoas que o consideren necesario.

DESCARGA AQUÍ E ASINA AS ALEGACIÓNS: