O Concello asume o custe do 90% do material escolar que utilizarán durante este curso os 35 alumnos e alumnas de Educación Infantil do Colexio da Lama

O Concello da Lama, dentro das actuacións que está a levar a cabo desde que se decretou a pandemia da Covid-19 para axudar ás familias e mitigar os efectos económicos perversos, decidiu asumir o 90% do custe total do material funxible escolar dos 35 alumnos e alumnas de Educación Infantil que están matriculados no Colexio da Lama.

O material obxecto desta axuda do Concello da Lama foi adquirido seguindo as indicacións dos mestres do CEIP da Lama e pensando no uso e demanda que ao longo do presente curso escolar poderían necesitar os nenos e nenas.

Así, o material obxecto desta axuda do Concello a todos e cada un dos 35 alumnos e alumnas consistiu en folios, lápices, ceras, afilas, rotuladores, pinturas, cartulinas de cores, carpetas, regras, etc.

O Concello da Lama supervisou a entrega do material ao centro educativo a través do tenente de alcalde, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, que manifestaron a súa satisfacción polo nivel de nenos e nenas matriculados este ano e sinalaron que “esta é unha axuda máis das que estamos a conceder ás familias do noso concello co fin de mitigar no posible os efectos económicos perversos da pandemia e da Covid-19. Sabemos que os gastos en material escolar supoñen un esforzo imporante para moitas familias polo que pensamos que era un xeito de axudar. Destinar recursos á educación para nós non é un gasto senón un investimento en futuro e os nosos cativos representan o mellor de nós. Queremos felicitar tamén ao cadro docente, moi preocupado e moi implicado na formación e na educación dos nenos, sempre innovando e buscando modelos pedagóxicos acaídos á nosa realidade”, indicaron Carrera e Vidal.