O Pleno da Corporación Municipal do Concello da Lama aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes (PPdeG e Ciudadanos) o “Plan de Medidas Antifraude” proposto polo equipo de goberno para aumentar o nivel de transparencia na xestión municipal e poder, deste xeito, acceder ás subvención europeas a través do sistema de xestión do plan de recuperación, transformación e resiliencia.
O alcalde, Jorge Canda, defendeu a necesidade deste Plan para cumprir coas esixencias da Unión Europea e asegurar non so unha boa xestión de prevención municipal nesta materia senón ter a vía libre para poder acceder aos Fondos Next Generation e a calquera dos proxectos que financia a Unión Europea.
O Plan Antifraude do Concello da Lama ten como obxectivo establecer os principios e as normas que serán de aplicación e observancia en materia antifraude, anticorrupción e a fin de evitar os conflitos de intereses en relación cos fondos provenientes do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia (MRR).
TRANSPARENCIA E UN EFECTO DISUASORIO ANTE A FRAUDE
Deste xeito desde o grupo de goberno, promoverase na xestión municipal unha cultura que exerza un efecto disuasorio para calquera tipo de actividade fraudulenta, facendo posible a súa prevención e detección, e desenvolvendo uns procedementos que faciliten a investigación da fraude e dos posibles delictos relacionados co mesmo.
Este plan estrutúrase ao redor de catro elementos chave do denominado ciclo antifraude: prevención, detección, corrección e persecución e será de aplicación a todos os órganos e a todo o persoal que interveñan na xestión de fondos provenientes do MRR.