O Concello da Lama conmemora o Día das Letras Galegas coa representación do espectáculo «De Valdeorras a México. Terra a nosa»

O CEIP da Lama acollerá este martes, 24 de maio, a partir das 11:00 horas a representación ‘De Valdeorras a México. Terra a nosa’, un espectáculo familiar para divulgar a biografía do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), homenaxeado pola Real Academia Galega (RAG) no Día das Letras Galegas 2022. Deste xeito o Concello da Lama, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, achegará a vida e obra de Gurriarán ás xeracións máis novas do municipio.

Con respecto á representación deste espectáculo no CEIP da Lama, o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, destacou “parécenos de vital importancia achegar aos nenos e nenas, non só do noso concello, senón de toda Galicia, a nosa lingua e a nosa cultura. Facerlles chegar a mensaxe de que o galego forma parte do que somos e empregalo no día a día é a única maneira de seguir manténdoo vivo por mil primaveras máis. Celebrar o Día das Letras é celebrar neste 2022 a vida e obra de Delgado Gurriarán”.

Por último Vidal tamén sinalou “a mellor maneira para celebrar o Día das Letras os 365 días do ano é ler na nosa lingua, e dende aquí animo a todos os veciños e veciñas da Lama a facelo”.‘De Valdeorras a México. Terra a nosa’ alternará a narración da biografía de Delgado Gurriarán, coa creación dunha ilustración e a interpretación de distintas pezas musicais. Rematará cun pequeno coloquio adaptado ás idades do alumnado e cun obradoiro no que cada participante poderá debuxar a súa propia caricatura do autor.