O CONCELLO DA LAMA REIVINDICA NO 25N A EDUCACIÓN E A PREVENCIÓN COMO FERRAMENTAS PARA ERRADICAR A VIOLENCIA MACHISTA

O Concello da Lama conmemorou o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun programa de actividades educativas e de sensibilización social orientadas á prevención da violencia machista, á promoción da igualdade de oportunidades e ao fomento de relacións baseadas no respecto e no bo trato.

O acto institucional, celebrado no Salón de Plenos da Casa do Concello, contou coa presenza do alcalde, David Carrera, e coa lectura dunha declaración institucional a cargo da concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández Oubiña. A coordinación das actividades correu a cargo da psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), Galiza Aguete, e da avogada deste servizo municipal, Adriana Fontaíña.

Durante a súa intervención, Fernández Oubiña incidiu especialmente no incremento da violencia dixital, o ciberacoso, a extorsión e a difusión de imaxes íntimas sen consentimento, reivindicando a necesidade de impulsar políticas públicas que garantan unha contorna dixital máis segura, reforcen a atención ás vítimas e promovan un uso responsable das novas tecnoloxías.

A concelleira salientou tamén a importancia de garantir que as vítimas coñezan os recursos de protección e asistencia dos que dispoñen, ao tempo que reclamou respostas integrais e coordinadas por parte das administracións públicas.

“A violencia de xénero existe”, afirmou Fernández Oubiña, quen reafirmou o compromiso municipal coa súa erradicación co obxectivo de “poder acabar cos minutos de silencio e que cada minuto na vida das mulleres sexa de liberdade, de vida e sen medo”.

Pola súa banda, o alcalde, David Carrera, destacou que “a loita contra a violencia machista debe ser un compromiso permanente das administracións públicas e do conxunto da sociedade. Desde o Concello da Lama seguiremos traballando na prevención, na educación en igualdade e na atención ás mulleres que precisan apoio e protección”.

O rexedor puxo tamén en valor o labor desenvolvido polas profesionais do CIM e subliñou que “é fundamental educar desde a infancia no respecto e na igualdade para construír unha sociedade na que ningunha muller teña que vivir con medo”.

EDUCACIÓN E PREVENCIÓN DESDE A INFANCIA

A conmemoración do 25N incluíu tamén a celebración de catro obradoiros educativos dirixidos ao conxunto do alumnado de Educación Infantil e Primaria do CEIP da Lama, impartidos por Marexada, Deporte, Lecer e Cultura e financiados pola Deputación de Pontevedra.

Estas actividades estiveron orientadas a fomentar valores como o respecto, a convivencia, a igualdade de oportunidades e a resolución pacífica dos conflitos, contribuíndo á prevención de comportamentos discriminatorios e actitudes machistas desde as primeiras etapas escolares.

Con estas iniciativas, o Concello da Lama reafirmou o seu compromiso coa igualdade efectiva entre mulleres e homes e coa implicación do conxunto da sociedade na erradicación de todas as formas de violencia machista.