O Concello destina uns 46.000 euros ao pavimentado e mellora de senllos camiños en Racelo e Sucastro

O Concello da Lama acaba de remata-las obras de mellora e pavimentación dos camiños de Racelo e Sucastro cun investimento total duns 46.000 euros procedentes do remanente de tesourería do que dispón a administración local pola súa situación de equilibrio orzamentario e solvencia económica.

Esta actuación levada a cabo en ámbolos dous camiños permitirán mellora-la accesibilidade rodada ao rosario de vivendas existenes así como dos vehículos de emerxencias e ambulancias que antes tiñan moi dificultado o seu paso pola estreitez destes camiños e do seu propio trazado.

Os traballos realizados no camiño de Racelo e no de Sucastro foron orientados, fundamentalmente, a mellora-lo pavimento existente, ancheando o vial nos lugares nos que se puido e tamén favorecendo a creación de sistemas de drenaxe e escorrentía para evitar que no inverno, pola acción das intensas choivas, se formaran bolsas de auga en diversas zonas do traxecto dificultando o paso de peóns e tamén deteriorando estas infraestruturas viarias.

Tamén se melloraron nalgúns lugares as taxeas, colocáronse tubaxes para canalizar as augas pluviais e se modificaron peraltes no pavimento para favorecer as escorrentías e a evacuación das choivas.

En varias zonas habitadas alternouse o uso de alquitrán en quente con formigón armado coa intención de actuar da mellor maneira posible nos espazos onde se estaba intervindo.

Finalmente, no camiño de Sucastro instalarase un sistema que evite que os coches que acceden á estrada principal a través deste camiño de comunicación interior non se vexan obrigados a desgastar por efecto do derrape das rodas pola pendente e poder tomar máis aberto o trazado coa cal se pretende evitar o desgaste e deterioro desa zona que está agora recén pavimentada.