Operarios municipais acometeron a través de fondos propios do Concello da Lama labores de mellora, ampliación e canalización dun camiño nas Chozas que presentaba serios deterioros producidos pola acción das augas procedentes das choivas e das escorrentías.
Así, atendendo ás demandas veciñais, a brigada de obras municipal procedeu a ampliar o vial ao tempo que ía construíndo un sistema de recollida e canalización de augas pluviais a través de tubaxes ao aire libre a base de formigón armado.
Para realizar eses labores, os operarios tiveron que picar a man varias metros de laxes para permitir canalizar axeitadamente as augas pluviais ao tempo que se establecía un forxado que aguantara a nova canalización que foi habilitada.
Con esta intervención da brigada de obras o Concello da Lama pretende dar resposta a unha demanda veciñal transmitida a través da Asociación de Veciños da Escuadra que agora se resolve a través do investimento de fondos propios municipais aproveitando o remanente de tesourería logrado durante o exercico económico do pasado ano que permite afrotar esta intervención.
Segundo o alcalde, Jorge Canda, “con esta actuación damos resposta a unha petición veciñal e melloramos a vertebración interior da amplia rede de camiños municipais dos que dispón o concello ao longo de todo o territorio. Con esta obra esperamos correxir os problemas que producían as augas pluviais e que provocaban serias molestias aos veciños que usan este camiño”, indicou o rexedor.