O Multiusos da Lama acolleu unha charla organizada polo Concello sobre a factura eléctrica e o bono social

A técnica de consumo Ana Cores Meixús protagonizou a charla informativa sobre a factura eléctrica e bono social, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, e que tivo lugar no Multiusos organizado polo Concello da Lama.

A charla, que contou coa presenza do tenente de alcalde David Carrera, xirou en torno a varios aspectos relacionados coa factura eléctrica, os seus conceptos, os novos impostos como o tope ao gas, claves de aforro e as posibilidades de contratación que ten o usuario. Así, Ana Cores insistiu na necesidade de revisalos contratos que mantemos coas compañías subministradoras porque “un dos erros máis comúns que cometemos é ter contratada unha potencia superior á que precisa unha familia tipo. Os expertos din que para un fogar medio é suficiente unha potencia de entre 3,45 e 4,75 kilovatios”, sinalou Ana Cores.

A técnica de consumo insistiu sobre a necesidade de informarse sobre os requisitos para acceder ao bono social, que permite contar cunha factura subvencionada pola Administración e que “pode ser un alivio económico para moitas familias con ingresos moi baixos, que poden ver diminucións na súa factura eléctrica do 40, 70 e incluso do 100% sobre o total. Algunhas das características que permiten acollerse ao bono social xiran en torno a cobrar unha pensión mínima, pertencer a unha familia numerosa, estar tódolos membros dun fogar en paro, ser vítima de violencia de xénero, etc.”, sinalou a experta.

Ao remate, Ana Cores atendeu a todas as persoas que asistiron a esta xornada informativa para resolver dúbidas sobre as súas respectivas facturas eléctricas.