O Concello emprende a recuperación medioambiental do Miradoiro do Castro e o entorno da capela do Sagrado Corazón

O Concello da Lama está acometendo labores de recuperación medioambiental no Miradoiro do Castro e no entorno da capela do Sagrado Corazón que se atopaban nunha situación de importante abandono polo paso do tempo e a falla de coidados periódicos e rutinarios que permitiran un mellor lucimento dun dos espazos que ofrece unha das vistas panorámicas máis completas da vila lamense.

Operarios municipais están realizando rozas de especial dificultade xa que se están levando a cabo sobre terreos elevados e con pendente para eliminar especies invasoras que se estaban apoderando deste espazo que co paso do tempo e a falla dun mantemento periódico e constante estaba nunha situación de deslucimento importante.

O alcalde, Jorge Canda, e o tenente de alcalde, David Carrera, inspeccionaron os traballos que se están levando a cabo nun entorno de especial interese turístico e cultural marcado pola existencia do propio castro e tamén pola capela do Sagrado Corazón e os elementos relixiosos que acompañan a modo de “vía crucis” a ascensión pola ladeira do monte ata chegar ao alto onde se ubica o templo.

Canda e Carrera insistiron na importancia deste lugar como punto de observación natural da vila lamense e o seu entorno. O alcalde lembrou os seus tempos de mocidade cando aproveitaban os camiños de pé existentes para comunicar este Mirador do Castro con diversos lugares do municipio e recordou incluso que soía facer esta ruta para recoller arándanos silvestres que medraban polas beiras das carballeiras.

MELLORAS NO MOBILIARIO URBANO E PUNTO DE REFERENCIA PARA NOVAS RUTAS DE SENDEIRISMO

A actuación permitirá tamén realizar un saneamento das especies que conforman a zona axardinada e tamén se acometarán melloras nas fontes, mobiliario urbano e se retirarán as vellas luminarias recubertas de caducas estruturas de ladrillo e ferruxe por outro sistema máis moderno e acaído a un espazo como este.

A intención do Concello é incluír este mirador como punto de referencia de novas rutas de sendeirismo que terán un paso obrigado por aí como a que se establecerá desde A Lama ata o río Verdugo así como o sendeiro cara Sucastro.

O Concello tamén solicitará á Comunidade de Montes da Lama a súa colaboración para o establecemento desta nova ruta de sendeirismo xa que discurrirá en gran medida por terreo da súa propiedade polo que a administración municipal buscará tamén a súa máxima implicación nesta iniciativa.

Esta actuación do Concello da Lama no Mirador do Castro se enmarca dentro das distintas intervencións realizadas durante a pandemia para poñer a punto os atractivos turísticos que presenta o municipio e, neste caso, o entorno do casco urbano lamense co recente empedrado no entorno da Praza da Pedreira, a sinalización de elementos históricos, etnográficos e turísticos e outras iniciativas relacionadas coas diferentes rutas de sendeirismo que discurren polas parroquias e lugares do concello.