O Concello da Lama e FEMUPO poñen en marcha un curso de manipulación de alimentos a través do Plan Corresponsables

O Concello da Lama, a través do Centro de Información á Muller (CIM), e a Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) levarán a cabo un curso de manipulación de alimentos dentro do “Plan Corresponsables”.

Este obradoiro levarase a cabo por persoal especializado no edificio da escola-taller da Lama o vindeiro venres, 17 de marzo, en horario de 17:00 h a 20:00 horas.

O obxectivo deste acción formativa é favorecer que as mulleres da provincia poidan acceder a empregos de calidade nos seus lugares de residencia, exercer profesionalmente unha actividade que viñan desempeñando de maneira non formal, ou poder certificar habilidades clave para o sector no que traballan actualmente.

Deste xeito, as persoas participantes nesta iniciativa formativa terán a oportunidade de obter o carnet de manipulador de alimentos, un documento co que poderán acreditar una formación especializada en seguridade alimentaria, unha acreditación moi valorada polas empresas de sectores clave como o alimentario ou o hosteleiro”.

Quen desexe inscribirse neste curso de manipulación de alimentos ou obter máis información, poden poñerse en contacto co CIM da Lama a través do teléfono 986 76 82 38 ou a través do correo electrónico cim@concellodalama.com.