Un total de 8 comparsas confirmaron xa ao Concello que estarán presentes no Desfile de Entroido do sábado 17 de febreiro na Lama

O alcalde do Concello da Lama, David Carrera, ten xa confirmada a presenza no desfile de Entroido do sábado 17 de febreiro, ás 17 horas, de 8 comparsas provintes de toda a comarca que lucirán as súas mellores galas e animarán o percorrido cos seus instrumentos e música en directo para honrar a figura do Conde Cabanelas, emigrante galego natural da parroquia lamense de Covelo que impulsou a popularización e a saída á rúa do entroido de Río de Janeiro.

Así xa está confirmada a presenza no desfile de entroido do sábado 17 de febreiro das seguintes comparsas: 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Miudos e Os Solfamidas que darán esplendor, bo humor e colorido a unha cabalgata que tamén contará con carrozas, grupos e disfraces de parellas e individuais, ademais dunha ampla representación infantil a cargo dos nenos e nenas do municipio.

PREMIOS QUE INCENTIVAN A PARTICIPACIÓN LOCAL E COMARCAL

Así mesmo, coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca de O Verdugo-Oitavén, o Concello da Lama, a través da coordinación da Oficina de Información Xuvenil (OMIX) habilitou dúas categorías (local e visitante), dotadas con interesantes premios por igual e en metálico para favorecer a asistencia dos mellores disfraces. Por local a organización entende aqueles participantes domiciliados nos municipios de Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e A Lama.

Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse de luns a venres, na Oficina de Información Municipal (OMIX), en horario de 9 a 14 horas, cubrindo un impreso normalizado facilitado para ese efecto antes do xoves 15 de febreiro. O impreso pode ser descargado desde a páxina web www.concellodalama.com e deberá ser presentado na OMIX ou enviado por correo ao enderezo electrónico: biblioteca-omix@concellodalama.com. Para calquera información poden poñerse en contacto coa organización a través do teléfono 633 655 233.

Os premios do desfile aos que se poderán optar son os seguintes:

  1. Comparsas:

1º Premio……………Trofeo e diploma como Raíña do Entroido.

2º Premio……………………………….Trofeo e diploma do 2º Posto.

3º Premio…………….Trofeo e diploma acreditativo do 3º Posto.

  • Grupos:

1º Local…………200 euros.                         1º Visitante……..…..200 euros.

2º Local……….150 euros.                            2º Visitante………….150 euros.

3º Local………..100 euros.                           3º Visitante……….….100 euros.

  • Individuais/Parellas

1º Premio único…………………………………..75 euros.

2º Premio único…………………………………..50 euros.

3º Premio único…………………………………..30 euros.

  • Agrupación Infantil

Único premio…………………………………….50 euros.

Así mesmo, a organización poderá deixar deserto calquera dos premios previstos en función de que se considere que ningún dos participantes reúne méritos suficientes para poder levalo.

O xurado será independente da organización e do Concello da Lama e estará formado por 5 persoas pertencentes ao tecido asociativo deste municipio. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do percorrido do desfile, durante o baile de disfraces que estará amenizado polo trío 3.COM e o Dj Marcial.

As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasacalles de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.

En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido na Lama deberán estar formados por un mínimo de 5 integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.

Polo que respecta  os disfraces individuais que entren en concurso valoraráselles a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolvido polo participante.

A organización terá potestade para eliminar do concurso a calquera participante que vulnere o espírito do entroido ou que atente contra calquera dos dereitos humanos universalmente recoñecidos, tamén estará prohibido desfilar con animais de todo tipo e utilizar material pirotécnico, bengalas, petardos, etc. así como todos aqueles elementos que poidan ser considerados perigosos para o desenrolo desta actividade tanto para participantes como para espectadores.

CHOCOLATADA CON CHURROS E BAILE DE DISFRACES

O remate da celebración do Entroido na Lama farase a través do reparto gratuíto entre os participantes e o público dunha chocolatada con churros e unha sesión de baile de disfraces amenizada polo coñecido trío musical 3.COM e o Dj Marcial que prolongarán a celebración ata altas horas da noite.

CONSULTA AQUÍ AS BASES