Os Reis Magos realizan un encontro cos nenos e nenas da Lama mantendo o distanciamento social e conservando a ilusión dos cativos

 

As Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente, ataviados con máscaras, fixeron a súa primeira parada na comarca do Verdugo-Oitavén na Alameda da Lama onde realizaron un encontro cos cativos do municipio mantendo en todo momento o distanciamento social e as medidas sanitarias. Membros de Protección Civil con xel hidroalcólico foron desinfectando, un a un, as mans dos asistentes a este evento.

Os Reis Magos chegaron desde Racelo, polo centro da vila, ata o Consistorio onde foron recibidos polo alcalde, Jorge Canda, e os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal quen lle deron a benvida ao concello ás Súas Maxestades. Posteriormente, realizaron a pé o traxecto que separa o edificio municipal da Alameda deténdose nos parque infantil para admirar os novos aparatos de xogos alí instalados.

Entraron na Alameda escoltados por voluntarios da Agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea onde un enorme cordón de peche perimetral mantiña a distancia ás familias dos Reis Magos que se dirixiron aos presentes para dicirlles que pese ás dificultades da pandemia e o frío existente que incluso conxelou ás estradas, estarían esta noite repartindo agasallos como de costume a tódolos que se portaran ben durante o ano.

Lembráronlle aos asistentes a importancia de deitarse cedo, poñer nas portas ou xanelas os zapatos ben limpos e deixar algo de beber e comer para os camelos e tamén para as Súas Maxestades.

Ao remate da audiencia a distancia, os Reis deron unha volta polo recinto pechado e perimetrado saudando aos cativos e facéndose fotos co distanciamento debido para que as instantáneas quedaran de recordo para a posteridade.