Os Paxes Reais escoltados por Protección Civil recolleron as cartas para os Reis Magos dos nenos e nenas da Lama

Os Paxes Reais en misión de Carteiros Reais, escoltados por efectivos da Agrupación de Protección Civil Oitaven-Tea, percorreron tódalas parrquias da Lama para recolle-las cartas dirixidas aos Reis Magos que lle escribiran os nenos e nenas do municipio.

A caravana dos Carteiros Reais fixeron parada nos Centros Socioculturais de Escuadra-Choupana, Covelo, Cambeses, Seixido, Antas, Xesta, Xende, Berducido, Gaxate e a Casa do Pobo da Lama interactuando mediante actividades lúdicas cos máis pequenos de cada casa que acudiron á cita provistos das súas cartas para os Reis Magos ou, se non, os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal, facíanlle entrega dun impreso especial onde podían escribir os seus desexos para as Súas Maxestades.

Os nenos e nenas do municipio recibiron con ilusión a visita dos Paxes Reais que ían provistos de máscaras e usaban un xel hidroalcólico para cumprir con tódalas recomendacións das autoridades sanitarias. Durante as respectivas paradas, os Carteiros Reais fixeron xogos, trucos de maxia e bailaron cos cativos antes de recoller as súas cartas que íanse introducindo nun cofre máxico para que lle chegaran canto antes aos Reis Magos.

Os cativos tamén recibían dos Paxes Reais uns globos máxicos para facer equilibrios e para xogar nas súas respectivas casas. Ademais confirmaron aos máis pequenos que os Reis Magos estarán na Lama o vindeiro martes 5 de xaneiro, a partir das 12 do mediodía, na Alameda onde recollerán as últimas peticións de nenos e maiores gardando o distanciamento social e tódalas normas sanitaras por mor da pandemia da Covid-19.