O alcalde da Lama, Jorge Canda, inspeccionou a marcha dos traballos que se están a acometer no lugar de Porto, na parroquia de Berducido, para resolver graves problemas de accesibilidade a vivendas e a canalización de augas pluviais a través dunha actuación que contempla o formigonado dun camiño e a instalación de tubaxes de recollida e canalización ao longo de todo o vial.
Esta actuación afróntase a través do remanente de tesourería que logrou unha xestión equilibrada e sostible do Concello o que permite agora con eses cargos afrontar este tipo de obras que non son demasiado voluminosas, pero que resolven graves problemas concretos que padece a veciñanza.
Así, segundo pudo comprobar o alcalde, Jorge Canda, no camiño de Porto os operarios acometeron un proceso de limpeza, nivelación e preparación do vial colocando sistemas de evacución e canalización de augas pluviais coa intención de resolver graves problemas de accesibilidade e mesmo de humidade provocada polas incidencia das choivas nas portas de acceso ás vivendas existentes neste camiño.
A intervención no lugar de Porto estase acometendo en varios tramos solucionando os problemas que presenta cada camiño. Neste vial que será formigonado nos vindeiros días, investiranse concretamente uns 8.107 euros que proceden dos propios recursos municipais resultantes do remanente de tesourería logrado o pasado ano grazas a unha boa xestión económica que permitiu arroxar un saldo positivo no pasado exercizo contable.
Segundo manifestou o alcalde da Lama, Jorge Canda, “este tipo de actuacións que estamos levando a cabo por todo o municipio obedece ao noso desexo de dar solucións concretas a problemas que padece a nosa veciñanza sobre todo a aqueles que están relacionados con temas de accesibilidade ou de resolver canalizacións de augas pluviais que son verdadeiros quebradeiros de cabeza para os veciños e que precisan dunha actuación decidida por parte do Concello”.
“Unha boa xestión económica que nos permite dispoñer dun orzamento municipal equilibrado para atender as demandas da veciñanza e manter en perfecto funcionamento os servizos público é o que nos permite chegar a final de ano con resultados positivos e destinar ese remanente a obras de menor entidade, pero para as persoas que as necesitan son da máxima prioridade”, indicou o alcalde Jorge Canda.