O Pleno da Corporación Municipal do Concello da Lama, presidido polo tenente de alcalde David Carrera, aprobou cos votos a favor dos concelleiros do PPdeG o regulamento e as taxas que rexirán para o funcionamento do Viveiro de empresas municipal que alberga o polígono industrial de Racelo.
Este Pleno, que se desenrolou de xeito extraordinario e urxente, aprobou unhas taxas de uso das novas naves do viveiro de empresas municipal no polígono de Racelo que estipulan un alugueiro de 143,10 euros ao mes para a nave 3; de 143,22 euros para a nave 2 e de 216,60 para a nave 1, que é a máis grande en superficie útil. Polo que respecta á oficina, de 22,36 metros cadrados, o prezo de alugueiro mensual será de 89,44 euros. A taxa polo uso da sala de reunións/aula de formación establécese en 6 euros a hora.
Esta iniciativa coa que se pretende apoiar aos emprendedores, favorecer a instalación de novas empresas e crear emprego no municipio está especialmente dirixida a empresas de recente creación que non teñan máis de 6 meses de vida ou aquelas que están en proxecto de constitución e que terán un prazo máximo de tres meses para formaliza o seu funcionamento.
As empresas que queiran desenvolver as súas actividades dentro do viveiro deberán desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial, é dicir, as que se axusten ao decreto 37/2015, do 12 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia (artigo 3).
A candidata a optar a unha destas tres naves debe de ser unha PEME e o seu capital non poderá estar participado en máis do 25% por unha sociedade que non sexa PEME. Deberá establecer o domicilio de actividade no concello da Lama así como a súa sede fiscal e presentar un proxecto de viabilidade técnica e económica.
Quedan excluídas deste Viveiro de empresas aquelas actividades catalogadas como nocivas, insalubres, perigosas ou que xeren externalidades que prexudiquen o desenvolvemento normal do viveiro e a conveniencia do mesmo. Tamén aquelas non admitidas polas Ordenanzas municipais.
O concelleiro de Ciudadanos, Andrés Cal, votou en contra ao considerar que se debería aplicar un 50% de rebaixa sobre as taxas previstas e manifestou o seu desexo de que a oficina e a sala de reunións e cursos tiveran un uso gratuíto por parte das empresas establecidas no Viveiro.
AMPLIACIÓN ORZAMENTARIA POLA INFLACIÓN
Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal do Concello da Lama aprobou por unanimidade un suplemento de crédito para partidas xa establecidas que se prevé que resulten insuficientes debido ao aumento do custe dos combustibles, a enerxía eléctrica e os materiais de construción empregados en obras e servizos do Concello o que motivou que diversas partidas fosen suplementadas aproveitando o remanente de tesourería existente como resultado do bo exercizo económico pechado no ano anterior.