O Concello recupera o Verán Cultural e organiza a «Festa da Mocidade» cun concerto Pop-Rock na Alameda

O tenente de alcalde da Lama David Carrera presentou esta mañá unha completa programación cultural para o verán na que salienta a celebración da “Festa da Mocidade” na que terá lugar un concerto Pop-Rock protagonizado polos grupos “Sete Cuncas” e os “Wavi Gravies”, o vindeiro xoves 28 de xullo a partir das 22:30 horas.

Despois do parón obrigado pola pandemia da Covid-19 volven á Lama os paseos en piragua polo río Verdugo, as actuacións e concertos da bandas de música da Lama e da Estrada, o cine na rúa, a Festa Infantil e o Xantar da 3ª Idade nas Ermidas.

Así, o martes 26 de xullo no contesto das festas locais de Santa Ana e San Xoaquín actuará na Praza da Pedreira, ás 19 horas, a Banda de Música Municipal da Lama. O relevo darallo ao día seguinte no mesmo escenario e á mesma hora a Banda de Música da Estrada.

O xoves 28 é o turno da “Festa da Mocidade” co concerto Pop-Rock protagonizado polas bandas “Sete Cuncas” e os “Wavi Gravies” que tomarán a Alameda para ofrecer á xuventude todo un amplo repertorio de cancións representantivas da música do momento.

O venres 29, ás 21 horas, unha compañía de teatro será a encargada de poñer en escena na Alameda unha obra cómica para todos os público, especialmente adicada a toda a familia coa intención de atraer a este tipo de espectáculos ao maior número de persoas e que disfruten das evolucións dos artistas sobore o escenario.

O sábado 30 volverá á Alameda o Cine na Rúa coa proxección da película “Superagente Makey”, ás 22:30 horas nunha pantalla xigante, protagonizada polo humorista, actor e showman Leo Harlem.

MES DE AGOSTO VOLVEN AS PIRAGUAS AO RÍO VERDUGO

No mes de agosto as piraguas volverán surcar de novo as augas do río Verdugo cos paseos organizados polo Concello o luns día 1, a partir das 17 horas. Esta actividade é totalmente gratuíta e os interesados en participar deben inscribirse nas distintas quendas nas oficinas municipais.

O martes 2 de agosto, a partir das 17 horas, os inchables e as piscinas móbiles tomarán a Alameda para celebrar a Festa Infantil na que non faltarán nin a música nin a escuma.

O mércores 3 de agosto proxectarase nunha pantalla xigante a película “A todo tren. Destino Asturias” protagonizada por Santiago Segura.

Finalizarán as actividades do Verán Cultural o xoves 4 de agosto coa celebración do tradicional Xantar da 3ª Idade que terá lugar na Carballeira das Ermidas, en Antas. Os interesados en participar que cumpran os requisitos poderán facelo a un prezo subvencionado polo Concello de 10 euros mentras que os que non, deberán abonar íntegramente o prezo do prato que son 30 euros.