O Concello e o programa da Xunta «Ler conta moito» traen á Alameda o espectáculo teatral «4 monos» de «A Tropa de Trapo»

A compañía “A Tropa de Trapo” representa o vindeiro venres 22 de xullo ás 11 hora da mañá  na Alameda da Lama a súa nova obra de teatro “4 monos”, un espectáculo para pensar, para rir, para cantar e para soñar con outro mundo posible que chega a terras lamenses a través da colaboración entre o Concello da Lama e a Xunta de Galicia por mediación do programa “Ler conta moito”  e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A proposta teatral que se representará o venres 22 de xullo, dálle a volta aos emoticonos dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que os levan a convivir coas mulleres dunha aldea, con habitantes do Sáhara, etc. Todo cunha innovadora e atraente posta en escena, onde forma e contido se complementan para reforzar a mensaxe.

A Tropa de Trapo é unha compañía de teatro formada por Marta Ortiz e Brais das Hortas e leva dez anos percorrendo a xeografía galega como un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos.

Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.