Máis de 210 persoas participaron na xornada de piragüismo posto en marcha polo Concello da Lama no río Verdugo que tivo que ampliar a unha sétima quenda os turnos de uso das embarcacións facilitadas polos monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa.
As altas temperaturas e un sol radiante animaron aos participantes para surcar o río Verdugo en piragua, unha iniciativa lúdico-formativa para persoas de todas as idades, incluída dentro do plan de actividades do “Verán Cultural” do Concello da Lama e que recobraba a súa celebración despois do parón obrigado pola pandemia da Covid-19.
Os participantes, provistos obrigatoriamente de chaleco salvavidas e supervisados por monitores do Club de Piragüismo de Vilaboa, participaron, ao final en 7 quendas corridas desde as 17 horas, para facilitar un acceso máis organizado e equitativo entre as persoas rexistradas previamente nesta actividade e aquelas que se foron incorporando ao longo da xornada.
Os monitores expuxeron aos participantes os distintos modelos de piragua e diferenzas existentes coas canoas. Tamén explicaron as principais técnicas para facer máis eficiente a palada na auga. Durante a xornada, estiveron presentes os concelleiros David Carrera e Daniel Vidal quen destacaron a importancia deste tipo de actividades que reivindican a relación co medio natural dunha maneira harmónica e respectuosa coa contorna.
A praia fluvial de Ponche Verdugo conta con zona arborizada, espazos de sol e de sombra, mesas e todo tipo de servizos, así como unha serie de melloras realizadas para mellorar o acceso a persoas con mobilidade reducida e con problemas de visión que fan deste lugar uno dos preferidos non só dos residentes e visitantes da Lama senón doutros municipios limítrofes.
O éxito deste evento confirman que esta actividade consolídase como unha cita obrigada do verán para os veciños e veciñas da Lama e os seus visitantes xa que lles permite un maior goce do tempo libre familiar e favorece tamén a interrelación xeracional a través da práctica de actividades saudables e de encontro coa natureza.