Os máis pequenos da casa convertéronse nos protagonistas da Festa Infantil organizada polo Concello da Lama na Alameda dentro do “Verán Cultural”. Os nenos e nenas do municipio, e tamén moitos outros visitantes, pasaron unha xornada divertida e de xogos con inchables xigantes, un touro mecánico e a Festa dá Escuma que serviu de colofón a unha infinidade de actividades.
A actividade estivo en todo momento supervisada por monitores que organizaban aos nenos para poder subirse aos distintos inchables con total seguridade para maior goce dos mozos e tranquilidade dos numerosos pais que se deron cita na Alameda da Lama.
Os nenos brincaron nos distintos aparellos e xogos instalados ata as sete e media da tarde, hora á que comezou a Festa da Escuma que asolagou de cor branca o empedrado da Alameda da Lama onde os nenos ían desaparecendo engulidos pola escuma que manaba dun canón especialmente preparado para a diversión.
MÁIS INCHABLES E ATRACCIÓNS PARA OS CATIVOS
O alcalde da Lama, Jorge Canda, que estivo en todo momento presente no evento co fin de velar polo correcto desenvolvemento da actividade, valorou moi positivamente a participación dos nenos e sinalou que é unha constante no goberno municipal a súa preocupación porque no “Verán Cultural” existan actividades especificamente dedicada ao goce dos máis pequenos da casa. “Este ano aumentamos os xogos que tiñamos noutras ocasións e para mitigar as altas temperaturas eliximos inchables con piscina de auga, aínda así si o ano que vén segue esta calor haberá que buscar fórmulas que refresquen a Alameda como a instalación de chafarises estratéxicamente colocados para favorecer que a xente poida combatir as altas temperaturas. Tamén temos que ver dalgunha atracción para os máis cativiños que merecen unha atención especial”, dixo o alcalde Jorge Canda.