O Concello da Lama mantén aberto o prazo de inscrición no servizo “Concilia A Lama 2024” ata o vindeiro martes día 28 de maio. Esta iniciativa ten como finalidade ofrecer apoio ás familias do municipio para que poidan concilia-la vida persoal, familiar e profesional favorecendo a corresponsabilidade. O proceso de inscrición farase nas dependencias municipais ou a través da sede electrónica do Concello.
Este programa vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 16 anos empadroados no concello ou que algún dos seus pais traballe no termo municipial da Lama.
As actividades do “Concilia A Lama 2024” realizaranse en distintos espazos municipais como o Multiusos, o parque infantil da Alameda, etc. entre o 24 de xuño ao 10 de setembro e do 23 de decembro de 2024 ata o 7 de xaneiro do 2025 en horario normal de 9 a 14 horas e ampliado de 8:30 a 14:30 horas, en ámbolos dous casos de luns a venres.
Para poñer en marcha este servizo o Concello estipula un mínimo de 7 nenos e nenas anotados e un máximo de 15. No caso de superar este número de solicitudes, os beneficarios terán que someterse a un proceso de baremación en función das bases que figura no taboleiro e na sede electrónica do Concello da Lama.
Os obxectivos do “Concilia A Lama 2024” son, entre outros, desenvolver un programa educativo mediante actividades igualitarias, saudables e de respecto pola contorna e o medio ambiente, contribuír ao desenvolvemento persoal e social dos menores a través do disfrute dun lecer saudable, incentivar durante as actividades a responsabilidade e a autonomía persoal dos menores, etc.
Tamén se pretende promover diariamente hábitos de vida saudables a través de xogos e dinámicas lúdicas, realizar actividades específicas que fomenten a igualdade, a convivencia, a integración, cooperación e participación potenciando valores de amizade, compañeirismo e respecto.
Outro dos aspectos fundamentais que persiguen estas actividades será o fomento da sostenibilidade, o coidado do medio ambiente, a reciclaxe e o consumo responsable. Tamén promoverá a corresponsabilidade no ámbito doméstico animando aos participantes a colaborar todo o posible nas tarefas do fogar en función das súas capacidades.
Para máis información sobre a documentación a aportar, solicitudes e requisitos de baremación pódense consultar as bases no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello da Lama (https://concellodalama.sedelectronica.es/info.0)
O Programa Concilia A Lama 2024 no período de verán está subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.