O CONCELLO DA LAMA INFORMA DE QUE SE VAI PROCEDER A REALIZAR UNHA ENQUISA DO INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA EN VIVENDAS DO MUNICIPIO

O Concello da Lama informa de que o Instituto Galego de Estatística (IGE), no marco do Plan Galego de Estatística 2022–2026, está a desenvolver unha Enquisa estrutural a fogares na que participan vivendas seleccionadas do municipio.

As visitas ás vivendas seleccionadas realizaranse entre o 20 de abril e o 3 de maio, por parte de persoal enquisador debidamente acreditado. Esta enquisa forma parte dun estudo a nivel autonómico que abrangue máis de 9.000 fogares en toda Galicia.

As persoas seleccionadas recibirán previamente unha comunicación oficial do IGE na que se explican os obxectivos da enquisa e as distintas vías para participar, xa sexa a través de internet, por teléfono ou mediante entrevista presencial.

Dende o Concello recórdase que a participación nesta enquisa é obrigatoria, de acordo coa normativa estatística vixente, e sublíñase que todos os datos recompilados serán tratados de maneira estritamente confidencial, baixo a protección do segredo estatístico.

Para resolver dúbidas ou obter máis información, o IGE pon a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 900 102 104, operativo en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O Concello da Lama agradece de antemán a colaboración da veciñanza nesta iniciativa, fundamental para a elaboración de estatísticas oficiais que contribúan á mellora das políticas públicas.