A Delegada Territorial da Xunta e os tenentes de alcalde da Lama e Cerdedo-Cotobade clausuran o Obradoiro de Emprego

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e os tenentes de alcalde da Lama, David Carrera, e de Cerdedo-Cotobade, Fernando Vázquez e Lourdes Ovelleiro, clausuraron oficialmente o Obradoiro de Emprego «Lérez-Verdugo» do que se beneficiaron 20 traballadores-alumnos nas especialidades de Atención Sociosanitaria en Institucións Sociais e Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos.

Luisa Piñeiro explicou que para a Xunta a creación de emprego sitúase como unha das principais prioridades xunto coa Sanidade e a Educación e engadiu que, por este motivo, “está a redobrar o seu esforzo na formación e na inserción laboral especialmente nestes momentos tan complicados pola pandemia, xa que temos como obxectivo principal o impulso, canto antes, da reactivación”.

Tanto Luisa Piñeiro como David Carrera e Fernando Vázquez, nas súas respectivas alocucións, quixeron agradecer ao persoal desta iniciativa laboral e aos vinte alumnos-traballadores “o seu traballo ao longo deste ano, a súa responsabilidade e o bo desempeño que realizaron durante as súas prácticas nos diferentes servizos públicos”. Ademais, animaron aos participantes a que aproveiten as oportunidades que lles brinda a súa gañada formación e a experiencia deste ano “para adentrarse con forza no mercado de traballo”.

Este obradoiro de emprego desenvolveuse dende o pasado mes de decembro e recuperou os seus meses de paralización polo Estado de Alarma decretado fronte á covid-19 grazas a un acordo da Xunta, que pretendía non prexudicar nin menoscabar a súa formación polos efectos da pandemia. A finalización definitiva do mesmo está programada para o próximo 10 de decembro.

Así, celebrouse durante doce meses cun investimento de 336.446€ e contou coa participación dunha vintena de persoas desempregadas dos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade, que realizaron a súa actividade nos módulos de Atención Sociosanitaria en Institucións Sociais e Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos.O acto de clausura, que tivo lugar no salón de plenos da casa consistorial da Lama, celebrouse en dúas quendas para cumprir coas medidas de seguridade sanitaria, realizar un protocolo de desinfección e adaptarse á limitación de aforo para a prevención da Covid-19.