A Concellería de Cultura do Concello da Lama, que dirixe Daniel Vidal, levou ata o colexio lamense o espectáculo «Camiño de Aventuras» a cargo de «Títeres Cachirulo», unha actuación financiada pola Xunta de Galicia dirixida á promoción e difusión do Xacobeo e o que significa para Galicia, os seus bens naturais patrimoniais e de desenvolvemento económico e espiritual.
A actuación dos monicreques xira en torno a que hai cincocentos anos, máis ou menos, nun lugar do Camiño, Gaiferos atopouse co Demo, que o desafiou ao xogo da Oca. Tivo sorte cos dados o peregrino e gañou a partida ao do inferno, quen andou por todo o Camiño facendo despropósitos e maleficios para detelo.
Os cativos do colexio da Lama tiveron unha xornada lúdica na que tamén aproveitaron para aprender moitas cousas relacionadas co Camiño de Santiago.