Un magosto popular serviu para dar por inaugurado o Local Social da Escuadra no que o Concello investiu uns 155.000 euros

A celebración dun magosto popular serviu de acto de inauguración oficial do Local Social da parroquia da Escuadra no que o Concello da Lama investiu na súa construción uns 155.000 euros a través do Plan Concellos da Deputación Provincial.

O novo edificio municipal posto a disposición de todos os veciños da parroquia da Escuadra conta cunha superficie construída de 135 metros cadrados dos cales 118 son de superficie útil. A disposición construtiva destas modernas instalacións permitirán aos veciños dispoñer dun salón de actos de 90 metros cadrados, un aseo especialmente adaptado para persoas con dificultades de mobilidade e outro convencional. O local está dotado de calefacción eléctrica para garantir a súa comodidade de uso en inverno e con baixas temperaturas.

O evento inaugural contou coa presenza de numerosos veciños da parroquia así como o alcalde, Jorge Canda, o tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal quen destacou a importancia e a relevancia de que Escuadra dispoña destas instalacións xa que era o único territorio que non dipoñía dun lugar de reunión, destas características, para os veciños.

O concelleiro Daniel Vidal salientou a importancia e o dinamismo que este local permitirá ofrecer á parroquia da Escuadra e manifestou que “por fin, despois dunha longa espera os veciños e veciñas teñen xa un espazo á altura das súas necesidades tal e como se comprometera o alcalde e agora ese compromiso está cumprido. Ben está o que ben acaba e despois de tantos problemas, atrancos e demais por fin hoxe estamos aquí todos compartindo un espazo de lecer, un punto de referencia para todos os veciños dos lugares e aldeas da Escuadra e por fin podemos dicir que temos un local social en condicións. Agora tócanos a todos darlle uso, sacarlle o máximo partido e poñelo a disposición das necesidades e do dinamismo social desta parroquia que viña demandando desde hai moito tempo poder dispoñer dunha infraestrutura como esta, moi funcional e que vai dar moito xogo ás asociacións, colectivos sociais e veciños en xeral”, indicou o concelleiro de Cultura e Deportes.

Pola súa banda, o alcalde Jorge Canda sinalou a súa satisfacción porque os veciños da Escuadra puideran contar cun local social destas características e agradeceu a colaboración da Comunidade de Montes pola cesión dos terreos necesarios para levar a cabo esta obra “que é de todos vós e para todos vós, para todos os veciños e veciñas da Escuadra. Agora dádelle uso, dádelle vida e facer deste espazo moderno un lugar de convivencia social en paz e harmonía para goce de todos vós”, dixo o rexedor Jorge Canda.

Os numerosos veciños da Escuadra presentes no evento, compartiron unha xornada festiva e lúdica onde as castañas asadas do magosto foron o fío conductor da celebración que serviu para dar por inaugurado este local social municipal ao servizo da parroquia.