O Concello da Lama acaba de facer pública a súa nova páxina web (www.concellodalama.com) na que se incorporan os portais “A Lama preto de ti” e “A Lama, un lugar para vivir”, dúas ferramentas dixitais para revitaliza-la economía local fronte a crise derivada da Covid-19 ao mesmo tempo que se procura impulsar iniciativas a prol do turismo e loitar contra o despoboamento. Esta nova web conta coa subvención da Deputación de Pontevedra a través da liña 1 do Plan Concellos.
A nova web, ademais de favorece-lo acceso á información por parte da veciñanza e impulsa-los atractivos turísticos que presenta o concello a través das súas rutas de sendeirismo, patrimonio etnográfico, establecementos de turismo rural, paisaxes, historia, etc., implementa dous portais especialmente orientados a dar maior visibilidade aos establecementos comerciais e servizos profesionais existentes na zona ao tempo que se pon a disposición dos visitantes dun portal inmobiliario para que se coñeza, dun xeito totalmente gratuíto e para particulares, as distintas ofertas e posibilidades de adquirir unha vivenda no municipio.
O portal integrado na nova web baixo o epígrafe de “A Lama, preto de ti”, pretende converterse nun escaparate interactivo virtual de comercios e servizos existentes no municipio e concienciar á cidadanía da Lama da necesidade de mercar, consumir e recurrir para calquera servizo ao amplio elenco de establecementos comerciais e profesionais dos distintos sectores que operan no municipio.
A fase inaugural conta con máis dunha ducia de establecementos comerciais que irán ampliándose a medida que vaian solicitando a súa inclusión os distintos profesionais e empresas que enchan o formulario online que está a disposición de todo o mundo no mesmo portal da nova páxina web.
FICHAS INTERACTIVAS CON VÍDEOS, FOTOGRAFÍAS, PROMOCIÓN DE PRODUTOS E XEOLOCALIZACIÓN
Segundo o tenente de alcalde David Carrera, “con esta nova páxina web calquera persoa, que resida na Lama ou nos seus arredores poderá coñecer, como si dun escaparate interactivo virutal se tratara, cales son os establecementos comerciais e servizos que ten á súa disposición sin ter que saír fóra. Moitas veces buscamos fóra o que non sabemos que temos ao carón de nós. Deste xeito queremos por en valor o comercio de proximidade e os bos progesionais que temos ao alcance da man, sen saír da Lama”, indicou o tenente de alcalde.
A páxina web, dispón dunha especie de fichas interactivas moi dinámicas con pequenos vídeos, fotografías de produtos e servizos e, lóxicamente, un sistema de xeolocalización para facilitar o seu acceso, teléfono, pedidos por wasap e facebook, etc.
Para David Carrera “é moi importante para nós que os nosos comerciantes, empresas, autónomos e emprendedores sexan protagonistas deste portal que pretende visibilizar o noso potencial e a nosa fortaleza para saír adiante. En resumo, queremos explicarlle á xente que na Lama temos prácticamente de todo sen necesidade de ir a ningún outro lado. Os comerciantes e profesionais da Lama, primeiros antes que nada”, concluíu Jorge Canda.
“UNHA GUÍA INMOBILIARIA PARA VENDER PERO ÚTIL TAMÉN PARA FAVORECE-LA REPOBOACIÓN DAS NOSAS ALDEAS”
Por outra banda, no portal “A Lama, un lugar para vivir” o Concello ofrece unha guía inmobiliaria que pon a disposición dos veciños e veciñas para poder poñer á venda propiedades nos distintos lugares do municipio. Deste xeito dase a oportunidade a particulares para que poidan visibiliza-las propiedades que queren poñer á venda ao mesmo tempo que se favorece o repoboamento en lugares que se atopan en situación de despoboamento como aldeas ou zonas onde hai propiedades deshabitadas.
“Queremos que aquelas persoas que teñan propiedades sen usar as poidan por á venda e favorecer un mercado de vivendas e de habitabilidade importante para na era post-Covid favorece-la repoboación poboacional de aldeas e lugares que se estaban quedando sin xente e que, ás veces, por descoñecemento a xente doutros lugares non coñecen para poder mercar unha segunda residencia ou mesmo trasladarse a vivir aquí de xeito definitivo. Este foi un dos compromisos novidosos do noso programa electoral e un compromiso que asumimos coa veciñanza que agora pomos en práctica”, explicou o tenente de alcalde.