O Concello dota de equipamento ao Centro Multiusos para acoller cursos de formación e e ventos culturais

O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, o tenente de alcalde, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, recepcionaron no Centro Multiusos o equipamento que vai dotar a estas instalacións de elementos fundamentais para acoller no futuro cursos de formación, actividades culturais e eventos de caracter social municipal.

A dotación de material ao Centro Multiusos, que conta cun orzamento global de 4.369,83 euros, conta cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidades de 3.015,18 euros ao abeiro da liña de axudas a entidades locais de Galicia para o equipamento e melloras das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.

Así, este investimento permite dotar ao Centro Multiusos de altavoces inalámbricos con tecnoloxía bluetooth autoalimentados, unha mesa de mezclas de son, dous ordenadores e un proxector de 4.000 lumens que permitirá unha maior versatilidade e utilidade para este local municipal chamado a desenvolver no futuro actividades formativas, cursos, conferencias e todo tipo de iniciativas socioculturais xa que dispón dun espazo habilitado para manter o distanciamento social e conservar un aforo limitado ás novas esixencias sanitarias por mor da pandemia da Covid-19.

O alcalde, Jorge Canda, agradeceu á Consellería de Cultura a súa colaboración nesta iniciativa de dotar de infraestruturas ao Centro Multiusos porque “axúdanos a estar preparados nas mellores condicións posibles para cando se poida retomar con certa normalidade as actividades culturais, formativas e sociais ter perfectamente habilitado e dotado de medios un espazo municipal que, polas súas características e ubicación é moi axeitado para o uso da veciñanza e a promoción de iniciativas socioculturais por parte do Concello”.