A ANPA Cal do Vergazo organiza, en colaboración co Concello da Lama, un Mercadillo Artesanal para o 17 de decembro no pavillón

Pomba Longueira e Bea Barroncas presentaron xunto ao alcalde da Lama, David Carrera, o Mercadillo Artesanal que se celebrará o vindeiro domingo 17 de decembro no pavillón municipal da Lama organizado pola ANPA Cal do Vergazo e que conta coa colaboración do Concello.

A xornada expositiva comezará ás 11 da mañá e prolongarase sen interrupción ata as 20 horas e as persoas que se acheguen ata o pavillón poderán tamén mercar comida rexional, haberá unha food truck, música tradicional, sesión vermú a cargo duns gaiteiros e obradoiros para nenos pola mañá e de circo para as familias pola tarde (de 16 a 19 horas).

Tanto Pomba Longueira como Bea Barroncas animaron á veciñanza a se achegar o domingo 17 de decembro ao pavillón da Lama e visitar o Mercadillo Artesanal. Tamén se están a vender rifas e sortearase no mesmo recinto da mostra o gañador dunha cesta de Nadal.