Comeza na Lama o obradoiro para iniciarse no manexo de ordenador e internet

A Biblioteca Municipal da Lama acolle xa en dúas quendas o curso de iniciación á informática e a internet organizado polo Concello da Lama para permitir a alfabetización informática entre veciños e veciñas deste municipio que, por distintas razóns, mantíñanse fóra do circuito das novas tecnoloxías.

Os asistentes a este obradoiro, que se desenvolve nos ordenadores ubicados na planta baixa do edificio da Biblioteca Municipal para manter o distanciamento social e as medidas sanitaris de prevención do Covid-19, acuden en dúas quendas para maior comodidade de tal xeito que todos e cada un dos participantes teñen un ordenador á súa disposición.

Durante o curso os asistentes aprenderán a crear un correo electrónico, sacar unha vida laboral, obter permisos de queima, pedir os recibos do ORAL, cita médica, selar o paro por internet, presentar de forma electrónica documentación diante de calquera organismo público, etc.

O curso, que está subvencionado pola Deputación de Pontevedra e o Concello da Lama, está estruturado en 4 bloques nos que se abordará a introducción á informática Hardware e Software; sistema operativo Windows; ferramentas ofimáticas; e internet, e-mail, redes sociais, plataformas dixitais, etc.

O tenente de alcalde, David Carrera, felicitounos pola iniciativa que tomaban para formarse sobre todo a aquelas persoas maiores que se esforzaban por coñecer e aprender a utiliza-las ferramentas que pon á disposición da cidadanía a informática e sobre todo internet. Manifestoulles que a intención do Concello é seguir pondo a disposición dos veciños e veciñas todos aqueles elementos que contribúan a súa formación e a mellora-la súa calidade de vida.