Magnífica actuación de Clara Pino e Pablo Vidal dentro dos concertos «Música no Ar» da Deputación e o Concello da Lama

A igrexa de San Martiño de Berducido converteuse no auditorio ideal para albergar o concerto de Clara Pino (arpa) e Pablo Vidal (contrabaixo) dentro da programación da Deputación de Pontevedra para a actividade «Música no Ar» que leva este tipo de actuacións por toda a provincia. Nesta ocasión, o concerto contou coa colaboración do Concello da Lama.

No concerto estiveron presentes o tenente de alcalde David Carrera, o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, o concelleiro de Berducido, Francisco Pérez, o deputado provincial Manuel González e a directora de Cultura da Deputación, Paula Cabaleiro.Antes de iniciarse o concerto o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, dirixiuse ao público que ocupou por completo o aforo habilitado pola organización, e agradeceu á Deputación e aos artistas a súa presenza e aposta por achegar a cultura ata tódolos lugares da provincia.

A continuación tomou a palabra o cura párroco Gonzalo Domínguez quen fixo un pequeno percorrido pola historia e a aportación de personaxes famosos que a parroquia de Berducido foi dando ao mundo, desde bispos a destacados membros do mundo da cultura e o ensino. Lembrou a importancia deste templo e dos tesouros arqueolóxicos e históricos que contén Berducido e animou a estudialos e conservalos.

Posteriormente, Clara Pino e Pablo Vidal interpretaron varias pezas musicadas por eles con letras propias ou de temas versionados sobre poemas de Rosalía de Castro e Xela Arias, amiga persoal da arpista e cantante e da que garda con gran emoción enormes recordos desde que se coñeceron sendo compañeiras de carreira ata máis tarde co devir da vida.O público agradeceu a excelente voz e a amena presentación dos temas que ía interpretando Clara Pino con prolongados aplausos que se viron recompensados polos intérpretes cun par de bises non previstos no concerto.