O Concello humaniza a Rúa Cocheiras e reordena o tráfico que a fai de sentido único e onde non se pode estacionar

O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o tenente de alcalde David Carrera inspeccionaron o remate dos traballos de sinalización que poñen fin ao proceso de humanización sufrido pola Rúa Cocheiras que pasa a ser de sentido único e onde os vehículos non poderán estacionar.

A Rúa Cocheiras sufriu un amplio proceso de transformación que permitiu facela máis ancha e facilitar así o paso de todo tipo de vehículos que, ata o momento, o facían con dificultade. Así, a partir de agora poderán transitar con comodidade tanto os camións que abastecen e dan servizo á Casa do Pobo como o vehículo municipal de recollida de que antes tiña serios problemas para acceder a este vial.

O proceso de humanización, acometido polo Concello da Lama en varias fases grazas ás subvencións conseguidas ante Turismo, o Plan Concellos e o Plan Urbe da Xunta, remata agora coa colocación das sinais verticais que indican dirección obrigatoria para acceder ao vial desde a Praza da Pedreira e imposibilidade de estacionar en ningún tramo dos que compoñen esta rúa.

Para completar a actuación, o Concello instalou uns bolardos que demarcan un espazo de protección a peóns e axudan a embelecer o espazo que se acaba de humanizar para disfrute da veciñanza.

Aínda que están xa colocados os sinais, o Concello levará a cabo labores divulgativas e concienciadoras da nova ordenación do tráfico na Rúa Cocheiras co fin de que a veciñanza respecte as novas normas e se percaten da situación actual. Para elo, informará aos veciños e veciñas a través do Facebook oficial do Concello, a páxina web e a app de información municipal “A Lama Informa”.