A Escola Galega de Consumo e o Concello da Lama puxeron en marcha este venres diversas actividades relacionadas co programa “Lecer consumo. Este verán súmate ao consumo responsable e san!”, unha iniciativa de carácter lúdico e participativo, no período estival, con orientacións pedagóxicas e promotoras da aprendizaxe colaborativa para nenos e nenas de 3 a 6 anos.
Os cativos estiveron no Multiusos da Lama desfutando de diversas actividades relacionadas coa aprendizaxe, o consumo responsable ou a importancia á hora de escoller os xoguetes para o entretemento.
Lecer Consumo é o programa estacional que desenvolve a Escola Galega do Consumo nos meses de verán. A través do concepto de lecer responsable trabállanse diversas temáticas relacionadas co consumo responsable: a publicidade, a alimentación sa e equilibrada, a etiquetaxe ou as TIC.
Está dirixido a todas as idades e a oferta formativa adáptase aos distintos intereses e necesidades de cada unha delas. Neste caso, fíxose unha actividade específica para os nenos e nenas de 3 a 6 anos que participan no programa “Concilia A Lama” e que baixo o título de “Xogueteando: un lecer diferente!” consistiu na narración dun conto animado para promover un consumo responsable e un lecer activo, alternativo e sen consumo. Para clausurar a xornada os nenos e nenas crearon o seu propio xoguete en forma de bolboreta cos seus nomes.