O Concello da Lama e a Escola Galega de Consumo poñen en marcha o 29 de xullo o programa «Lecer consumo»

A Escola Galega de Consumo e o Concello da Lama porán en marcha o vindeiro venres 29 de xullo o programa “Lecer consumo. Este verán súmate ao consumo responsable e san!”, unha iniciativa de carácter lúdico e participativo, no período estival, con orientacións pedagóxicas e promotoras da aprendizaxe colaborativa para nenos e nenas entre 7 e 12 anos. NON SERÁ NECESARIO ANOTARSE PREVIAMENTE PARA REALIZAR ESTA ACTIVIDADE.

Lecer Consumo é o programa estacional que desenvolve a Escola Galega do Consumo nos meses de verán. A través do concepto de lecer responsable trabállanse diversas temáticas relacionadas co consumo responsable: a publicidade, a alimentación sa e equilibrada, a etiquetaxe ou as TIC.

Está dirixido a todas as idades e a oferta formativa adáptase aos distintos intereses e necesidades de cada unha delas. Así, farase unha actividade específica para os nenos e nenas de 3 a 6 anos que participan no programa “Concilia A Lama” e que baixo o título de “Xogueteando: un lecer diferente!” consistirá na narración dun conto animado para promover un consumo responsable e un lecer activo, alternativo e sen consumo. Traballando ademais, os xoguetes seguros e sen riscos. A continuación os nenos e nenas crean o seu propio xoguete (un pitiño, un dos animais do conto traballado previamente).

Por outra banda, entre as 11:30 e as 12:30 horas, porase en marcha a “Xincana do consumo activo e divertido!” onde os grupos participantes teñen que superar diferentes probas, nas que se traballa cuestións relacionadas co consumo responsable (as actividades de lecer, a publicidade a pirámide dos alimentos e o código PEGI). A continuación, cada grupo deseñará unha portada dun videoxogo facendo referencia a unha actividade de lecer activo sen consumo e desde a cal se inclúa algún elemento característico da Lama.