O Concello acomete con fondos propios do superávit do orzamento municipal o asfaltado de Taboadelo

O alcalde da Lama, Jorge Canda, acompañado polo tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de zona, Domingos Ramos Carreiro, supervisaron os traballos de renovación da rodadura e asfaltado en Taboadelo, na parroquia de Barcia do Seixo, con cargo ao superávit dos orzamentos municipais.

Os traballos acometidos en Taboadelo tiveron unha especial dificultade ao ter que empregar diferente maquinaria en función da estreitez do rueiro interior deste núcleo rural pertencente á parroquia de Barcia de Seixo.

Este proceso de renovación da rodadura existente pretende dar resposta ás demandas efectuadas polos veciños deste núcleo rural que solicitaban unha actuación integral para resolver problemas de asfaltado, baches existentes e o desgaste do pavimento pola actuación das adversidades metereolóxicas incrementadas polo paso do tempo e o uso habitual desta zona de paso para acceder ás vivendas.

Aproveitouse a actuación para mellorar o sistema drenante nalgúns lugares e favorecer a escorrentía e canalización de augas pluviais que, aproveitando esta actuación en profundidade permitiu resolver algún que outro problema que afectaba a vivendas do lugar.

Segundo Jorge Canda, “actuacións destas características son necesario acometer periódicamente para manter en perfecto estado os accesos aos núcleos rurais e ás propias vivendas. A Lama ten máis de 90 núcleos rurais e non podemos atender todos a un mesmo tempo polo que temos que ir resolvendo estes problemas a través dun plan de actuacións nos que primamos os máis urxentes aínda que todos son necesarios polo que lle pedimos paciencia e comprensión á veciñanza a medida que imos encargándonos de atender todas estas peticións”, sinalou o alcalde da Lama.