A Lama volve ser meta e saída en dúas etapas da Epic Race Pontevedra, unha das probas «BTT Non Stop» máis duras

Concello da Lama volverá ser meta da primeira etapa e saída da Epic Race Pontevedra, unha das probas de “BTT  Non Stop” máis duras da Península Ibérica que se disputará os días 5 e 6 de xuño. A decisión tomouse en virtude dun acordo de colaboración establecido entre os organizadores da proba e o tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, que centra o eixo inicial desta proba na Lama volvendo así a recuperar o protagonismo que tivo este concello no desenvolvemento da Epic Race hai xa 4 anos.

A proba prevé contar con 400 ciclistas (nestes momentos xa hai 350 inscritos) que participarán nesta proba incluída no calendario da Federación Galega de Ciclismo (FGC) e na que os corredores percorrerán uns 300 quilómetros con aproximadamente 8.500 metros de desnivel acumulado positivo, por toda a provincia de Pontevedra, xa sexa de forma individual ou en equipos de 2 ou 3 persoas, podendo no caso de ser equipos, darse substitucións nos puntos habilitados no percorrido.

O 21% dos participantes son de nacionalidade portuguesa e o resto proveñen de Galicia, Madrid, Navarra, País Vasco, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha e Extremadura e percorrerán a Lama polas parroquias de Escuadra, A Lama, Gaxate, Verducido, Antas, Xesta e Xende utilizando para elo sendeiros por terreos comunais e camiños veciñais.

A entrada dos corredores no termo municipal producirase pola Escuadra, polo monte Seixo e a zona de Belendes, tomando como ruta parte da senda do Río Barbeira para dirixirse á vila da Lama á que chegarán pola zona de Sucastro e A Ladeira.

Na segunda etapa, que sairá da Alameda da Lama, percorrerá Gaxate, As Ermidas e Liñares e abandonará o termo municipal lamense pola ponte medieval de Verducido adentrándose no veciño concello de Fornelos de Montes.

Esta proba ciclista de especial dureza está dividida en sete etapas onde as máis longas e duras serán as dúas primeiras con meta e saída na Lama e que terán 48 quilómetros de percorrido cada unha.

Tanto o tenente de alcalde David Carrera como o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, manifestaron a súa satisfacción porque esta proba discorra por varios tramos dos roteiros de sendeirismo das que dispón o municipio xa que servirá para promocionar a imaxe exterior, en toda España, da Lama como epicentro desta proba e do turismo verde e de montaña.

“Esta iniciativa  pareceuno  moi interesante para promociona-a  imaxe  do  noso  concello especialmente entre  aquelas  persoas que  lles gusta o deporte de montaña, o ciclismo, o  sendeirismo e a  natureza  onde A Lama  é un dous  concellos de referencia a nivel  galego. A  beleza das  nosas  paisaxes,  as  nosas  fervenzas, o patrimonio arquitectónico,  as  nosas  vellas  pontes, os  sendeiros e o contacto  coa  natureza en estado puro son reclamos importantes para potenciar o turismo familiar e o turismo rural sobre todo nestes momentos nos que vemos preto o levantamento das restricións pola pandemia e a xente demanda lugares de esparcimento e reencontro coa natureza con doada accesibilidade e todo esto ofrécello o concello da Lama”, indicaron Carrera e Vidal.