O Concello da Lama pon en marcha un curso gratuíto de preparación do exame para a obtención do graduado en ESO

O  Concello da Lama pon en marcha un curso gratuíto de preparación do exame para a obtención do graduado en ESO que irá prioritariamente destinado a persoas maiores de 18 anos, empadroadas no municipio e que abandonaron o sistema educativo e que non posúen o título en Educación Secundaria Obrigatoria.

O curso está previsto que se inicie o 2 de novembro, cun número máximo de 15 persoas apuntadas que serán seleccionadas por rigorosa orde de inscrición a través da presentación dunha instancia nas oficinas xerais do Concello da Lama ou a través da sede electrónica (https://concellodalama.sedeelectronica.es). Para calquera dúbida débense dirixir ao CIM da Lama ou ás oficinas xerais do Concello.

O curso desenvolverase ata o 30 de decembro e está subvencionado na súa integridade polo Concello da Lama e a Deputación de Pontevedra. Os inscritos nesta actividade formativa recibirán as súas ensinanzas en clases presenciais os luns e martes de 19:30 a 22:30 horas nas instalacións habilitadas no edificio da Escola Taller (estrada da Fraga, s/n).

Con esta iniciativa, o  Concello da Lama pretende loitar contra o abandono escolar e facilitar aos  veciños e veciñas deste municipio as ferramentas formativas necesarias para poder concorrer ao mercado laboral nas mellores condicións posibles.