O CONCELLO E A DEPUTACIÓN TRAEN MAÑÁ AO COLEXIO DA LAMA UNHA ACTUACIÓN DO COÑECIDO MAGO TETO POR MOR DA CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Concello da Lama e a Deputación de Pontevedra levan este martes 13 de maio o circuíto +Escénicas ao colexio da Lama da man do espectáculo infantil “As nosas letras”, a cargo do Mago Teto.

O espectáculo «As nosas letras», que se representará no CEIP A Lama ás 11:00 horas, é unha homenaxe á cultura, a tradición e os costumes galegos a partir dunha escolma de pezas destacadas da nosa literatura que van desde o Medievo ata as letras de cancións contemporáneas, pasando polos séculos escuros, o Rexurdimento e todos os acontecementos do século XX que tiveron repercusión na lingua. O espectáculo unirá a maxia coas letras para ilusionar e divulgar en galego e espertar o coñecemento histórico e contemporáneo na nosa lingua, recompoñendo as cantigas de Afonso X ou facendo aparecer os debuxos de Castelao.