O conselleiro de Medio Rural visita o pastizal creado en 26 hectáreas dos montes de Verducido

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou acompañado polo alcalde da Lama, Jorge Canda, e varios concelleiros, o pasteiro acondicionado nos montes de Verducido pola Xunta. No seu percorrido, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

José González explicou que a primeira fase do plan de pastos, que vén de rematar, supuxo no conxunto de Galicia actuacións nunhas 560 hectáreas de terreo de 14 montes veciñais doutros tantos concellos, cun investimento total de 2,3 millóns de euros. O conselleiro salientou que, neste caso concreto da Lama, os labores realizados na parroquia de Verducido permitiron poñer en valor preto de 26 hectáreas e explicou que nesta primeira fase do devandito plan executáronse ademais outros dous pasteiros dentro da provincia pontevedresa, nos concellos de Covelo e Cerdedo-Cotobade.

Estas tres actuacións supuxeron o acondicionamento de máis de 270 hectáreas, cunha achega, por parte da Xunta, de algo máis de 800.000 euros. Nesta liña, José González trasladou que estas intervencións do plan de pastos supuxeron a roza, os sementados e a construción de infraestruturas como pistas e peches, así como o establecemento de mangas de manexo do gando, a posta a disposición de comedeiros ou bebedeiros e a dotación de pasos canadenses. Con estes traballos, sinalou o conselleiro, os titulares das explotacións benefícianse por varios motivos, como son o acondicionamento das parcelas, a ampliación da súa base territorial e o cumprimento das determinacións en materia de benestar, seguridade e saúde animal.

Neste mesmo sentido, José González engadiu que se trata de promover “un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e para garantir a rendibilidade das explotacións”, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles “novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural”.

PLAN PREVENTIVO DE INCENDIOS
Precisamente en relación coa loita fronte o lume, o conselleiro destacou que este plan de pastos é unha medida complementaria do Plan preventivo que a Xunta ten en marcha, coa previsión de investir case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.Por último, José González amosou a súa confianza en seguir avanzando na loita contra o abandono e na anticipación aos lumes con plans como este de pastos e “co amparo legal que nos ofrecerá a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite parlamentario”.