O alcalde en funcións do Concello da Lama, David Carrera, supervisou a marcha das obras de mellora do Camiño de Reconco, na parroquia de Barcia de Seixo, no que se están a investir máis de 48.000 euros a través do acordo de compensación coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) relacionado coa construción da planta de transferencia no polígono de Racelo.
As obra permitirán actuar sobre un trazado aproximado de 1,5 quilómetros nun camiño que, a través desta segunda fase, permite un mellor acceso en vehículo ao barrio do Reconco e favorece a canalización de augas pluviais. Este ensanche permitirá que este vial pase a dispoñer dunha plataforma duns 5 metros o que mellora substancialmente o camiño existente.
Os traballos están sendo acometidos pola empresa Caldevergazo e realízanse grazas á colaboración dos propietarios dos terreos colindantes que deron autorización para que se poidera levar a cabo esta importante obra que mellora a accesibilidade do tráfico rodado ao Reconco non so para vehículos particulares senón de emerxencias.
As actuación que se están levando a cabo permitirán establecer unha plataforma de acceso de material compactado e remachado con pisón para favorecer a consolidación do terreo. Ao mesmo tempo, deixáronse cunetas de drenaxe, melloráronse os puntos de recollida e canalización de pluviais e habilitáronse pases de auga para evitar empozamentos ou accións erosivas.