O Concello organiza unha xornada para este venres no Multiusos sobre «Xestión da vexetación nos núcleos poboacionais e outras infraestruturas»

O Concello da Lama organiza unha xornada divulgativa para este venres día 6 de maio ás 19 horas no Centro Multiusos baixo o título “Xestión da vexetación nos núcleos poboacionais e outras infraestruturas” que correrá a cargo dun Axente Ambiental do Distrito Forestal XIX.

Esta conferencia promovida e organizada polo Concello da Lama vai especialmente orientada a propietarios de fincas rústicas, comunidades de montes, titulares de explotacións agrícolas e gandeiras, habitantes de núcleos rurais e residentes en núcleos urbanos que limiten con fincas rústicas, así como calquera interesado nestas cuestións.

O obxectivo desta xornada formativa e divulgativa é ofrecer información dende a administración local sobre as redes de xestión da biomasa recollidas na Lei de Montes así como na Lei de Incendios para levar a cabo labores de prevención e, ao mesmo tempo, evitar que se cometan infraccións neste sentido que poidan acarrear a incoación posterior de expedientes sancionadores.

Segundo manifestou o concelleiro de Medio Rural, Jorge Méndez, “trátase de achegar a máxima información posible aos nosos veciños coa intención de que todos colaboremos dun xeito activo na conservación e prevención de incendios e saibamos como debemos xestionar a vexetación nos núcleos de poboación e a biomasa”, indicou o edil.