Os cativos da Lama gozaron dunha tarde de entroido coa animación musical do grupo “Os Ilusionistas” que amenizaron a festa tradicional lamense para as numerosas familias que se achegaron ata a carpa instalada polo Concello na Alameda para este evento.
Ademais de cantar e bailar numerosas cancións de todos coñecidas, os grupo “Os Ilusionistas” animou aos cativos a subir ao escenario e participar activamente dun entroido moi divertido.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal supervisaron en todo momento a organización do evento que resultou moi satisfactorio para as numerosas familias que se deron cita na Alameda para “recuperar” a ledica e o colorido do entroido.
Entre os que disfrutaron do entroido se atopaba tamén o tenente alcalde David Carrera, que acudiu ao evento co seu fillo recén nado, Martín, que tamén estivo disfrazado para a ocasión.
A festa na Lama continuou coas Murgas, o baile de disfraces a cargo do dúo Prisma e unha gran chocolatada con churros gratuíta ofrecida a tódolos asistentes polo Concello.