Os operarios preparan a praia fluvial do Verdugo de augas «excelentes» para o inicio da temporada

O tenente de alcalde David Carrera inspeccionou o inicio dos traballos de limpeza e desinfección que está levando a cabo o persoal municipal na praia fluvial da Lama coa intención de que estea en perfecto estado para o disfrute dos moitos bañistas que escollen esta paraxe do río Verdugo para pasar os seus momentos de lecer.

Asemade, David Carrera confirmou que o Concello da Lama xa ten no seu poder o resultado das análises de control realizados pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que arroxa un resultado “excelente” para as augas de baño da praia fluvial do Verdugo.

As brigadas municipais, reforzadas pola contratación de persoal eventual a través do Plan Concellos, están procedendo á  corta da  herba e a realizar labores de mantemento en fontes, instalacións, baños, etc. Tamén levarán a cabo unha desinfección en profunidade nas zonas empedradas a través da utilización da máquina de presión especilizada en limpeza de pavimentos adquirida o pasado ano por mor da loita contra a Covid-19.

Esta máquina será empregada na limpeza do entorno dos asadores e mesas de pedra así como nas zonas empedradas de acceso á praia fluvial e de conexión entre os distintos espazos de lecer. Tamén será obxecto desta actuación a desinfección do itinerario para acceso autónomo das persoas con déficit de visión ou invidentes instalada en temporadas pasadas na pravia fluvial con pavimento  podotáctil, mobiliario, elementos lúdicos e sinalización accesible.

USO AXEITADO DAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS

Por outra banda, o Concello da Lama lembrou á veciñanza e visitantes a necesidade de usar con responsabilidade as instalacións esistentes na praia fluvial do Verdugo e fixo tamén un chamamento aos bañistas a ter “sentidiño” e mante-lo distanciamento social na súa estancia nesta área recreativa co fin de levar á práctica as medidas de protección fronte ao Covid-19.