Pese á choiva, un milleiro de comensais certificou o éxito da Festa do Codillo da Lama que esgotou as racións en 50 minutos

 

Un milleiro de comensais deron boa conta de todas as racións postas a disposición do público polo Concello da Lama na XX Festa do Codillo que volveu ao panorama gastronómico galego cun éxito inusitado. A perfecta organización do evento permitiu que se serviran 1.000 racións nun tempo récord de 50 minutos, aos comensais que desafiando á intensa choiva seguían as indicacións dos voluntarios de Protección Civil e da organización para recoller ordenadamente os pratos coas correspondentes racións.

A intensa choiva non desluciu para nada as gañas do público de degustar de novo o popular codillo da Lama preparado, con éxito, por Cátering Arelas. Os asistentes tamén puderon achegarse na propia Alameda ata a Mostra de Produtos da Terra e mercar desde queixo, mel, embutido, postres caseiros, produtos da horta, froita, etc. A xornada gastronómica estivo acompañada pola música da Banda Municipal da Lama e Os Encerellados.

Este evento gastronómico que volveu celebrarse tras o parón obrigado pola pandemia da Covid-19 contou coa presenza do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural, José Balseiros, que foi recibido polos tenentes de alcalde David Carrera e Jorge Méndez, así como polos concelleiros Daniel Vidal, Francisco Pérez e José Fortes. Na celebración tamén se deron cita os deputados provinciais Raquel Giráldez (PsdeG-PSOE) e Miguel Domínguez (PpdeG), entre outros representantes públicos.

Unha hora antes da apertura do stand que dispensaba as racións de codillo, a Banda de Música Municipal da Lama ofreceu un concerto que foi moi aplaudido polo público presente. A sobremesa musical correu a cargo de Os Encerellados que animaron o evento co seu humor e o seu ritmo.

A VENDA ANTICIPADA DE TÍCKETS, UN ACERTO ORGANIZATIVO

A venda anticipada de  tickets posta en marcha pola organización fixo que a inmensa maioría dos comensais que se deron cita no evento dispuxesen xa da entrada que lles daba dereito a unha ración de  codillo  estofado acompañada do correspondente prato conmemorativo de barro, os cubertos, pan,  servilleta e viño a demanda.

Desta maneira a organización evitou que se formara unha cola destinada á retirada de  tickets e habilitando varios espazos para que os operarios de Cátering  Arelas, de Gondomar, puidesen despachar ao mesmo tempo a máis persoas que se achegaban coa súa entrada xa abonada previamente para poder retirar a súa correspondente ración.

A inestabilidade do tempo atmosférico non evitou a afluencia masiva de persoas a este evento non só por parte de veciños do municipio da Lama senón de gran número de visitantes de toda a provincia que converten a esta  festa gastronómica nunha das máis concorridas da comarca.

POSTRES CASEIROS, POLBO Á FEIRA E VERMÚ NO BAR AMBULANTE

Tamén os establecementos hostaleiros situados nas inmediacións da Alameda da Lama serviron codillo estofado que gozou do aprezo do público que preferiu escoller estes locais para participar na festa gastronómica. Tamén estivo funcionando a pleno rendemento un bar ambulante, un pulpeiro e o público abarrotou os postos de empanadas,  delicatessen, filloas, e outros produtos galegos de calidade e de repostería que saciaron a demanda dos asistentes.