O Concello conmemorará o 25-N coa visita do delegado da Xunta ao CIM e gardando un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

O Concello da Lama conmemorará o 25-N gardando un minuto de silencio pola memoria das vítimas da violencia de xénero e procederá á lectura dun manifesto de rexeitamento dos comportamentos machistas e a prol das políticas de igualdade entre homes e mulleres. O acto terá lugar o xoves 25 de novembro ás 11 da mañá aproveitando a visita do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, e a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, ao Centro de Información á Muller (CIM) da Lama.

Desde o Centro de Información á Muller (CIM) da Lama lévase a cabo un amplio programa de actividades para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero cun custo total de 6.345,45 euros e que conta cunha achega da Deputación Provincial de 4.656,69 euros.

Dentro destas iniciativas, o Concello da Lama desenrola o Programa Concilia co obxectivo de ofrecer un servizo de apoio ás familias do municipio para que poidan conciliar a vida persoal, familiar e profesional favorecendo a corresponsabilidade, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Unha primeira fase desenvolveuse durante o periodo estival coincidindo coas vacacións do verán e volverase a poñer en marcha no Nadal, entre o 22 e o 31 de decembro.

Por outra banda, o Concello da Lama aproveitará a conmemoración do 25-N para levar a cabo o día anterior, co alumnado de primeiro a sexto do CEIP de A Lama, catro obradoiros que teñen como obxectivo a prevención e sensibilización no eido da violencia de xénero e igualdade de oportunidades.

Tamén, a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, porase en marcha outro obradoiro co alumnado do CEIP de A Lama, dos cursos de quinto e sexto de primaria, titulado “Violencia de xénero no novo contexto dixital” que, neste caso, terá lugar o día 9 de decembro.