A DEPUTACIÓN CONCEDE AO CONCELLO DA LAMA UNHA SUBVENCIÓN DE MÁIS DE 90.000 EUROS PARA MELLORAR OS VESTIARIOS DO PAVILLÓN MUNICIPAL

O Concello da Lama vén de recibir unha subvención da Deputación Provincial de Pontevedra por importe de 90.859,30 euros ao abeiro do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (II PEID), destinada á execución das obras de “Mellora dos vestiarios do pavillón municipal”.

Esta actuación permitirá modernizar unhas instalacións deportivas e responder ás novas necesidades detectadas no uso do pavillón, habilitando un espazo específico para a práctica de fitness, actualmente inexistente nas dependencias municipais.

O proxecto foi licitado mediante contrato de obras por procedemento aberto simplificado e resultou adxudicado á empresa Construcciones Lemos Martínez, S.L., cun importe de 63.884,30 euros máis 13.415,70 euros de IVE, o que supón un investimento total de 77.300 euros.

O Concello destaca a importancia desta achega económica da Deputación de Pontevedra que permitirá seguir mellorando as infraestruturas deportivas municipais e ofrecer servizos de maior calidade á veciñanza, fomentando ao mesmo tempo a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables.

A actuación enmárcase dentro da aposta do goberno municipal pola mellora continua dos espazos públicos e das instalacións destinadas ao deporte e ao lecer, contribuíndo así ao benestar da veciñanza da Lama.

Screenshot