Veciños da Lama reciben información de técnicos de Revitaliza sobre o programa de compostaxe posto en marcha polo Concello

 

Técnicos de Revitaliza informaron do programa de compostaxe posto en marcha polo Concello da Lama, co apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no transcurso dunha xornada divulgativa realizada na Alameda lamense a través da colocación cunha carpa con material explicativo do proxecto que se está implantando en todo o municipio para reducir a fracción orgánica dos residuos.

Nesta xornada divulgativa participaron tamén o alcalde da Lama, Jorge Canda, e o concelleiro Daniel Vidal, encargado polo equipo de goberno de poñer en marcha este plan que está levantando grande interese e espectación entre a poboación, sobre todo aquela que dispón de horta ou espazo ao aire libre para poder poñer en funcionamento un composteiro individual para a elaboración de compost para autoconsumo en plantas de cultivo e ornamentais.

O lugar estratéxico onde se ubicou a carpa, nas proximidades do Centro de Saúde e da zona de supermercados e establecementos comerciais, permitiu que moito público, sobre todo das zonas periféricas do municipio, se pudera achegar para coñecer o funcionamento dos composteiros individuais así como inscribirse neste proxecto que todavía se mantén aberto ata esgota-los 200 composteiros dos que consta esta primeira fase.


Para poder inscribirse neste proxecto aquelas persoas interesadas en participar deben estar empadroadas no concello da Lama e poden dirixirse ás dependencias municipais no Consistorio ou chamar ao teléfono 986 768 238.


Os requisitos de participación, tanto para os interesados que se inscriban no punto informativo como aqueles que contacten co Concello da Lama, son facilitar o nome, apelidos, DNI, enderezo e referencia catastral da vivenda. Tamén deben dispor dun espazo de horta e/ou xardín de superficie aproximada duns 50m2 e deben comprometerse a facer un uso responsable do composteiro  cedido e a facilitar o seguimento por parte dos técnicos especialistas na materia. A selección de participantes e poder optar a un dos 200 composteiros individuais será por rigorosa orde de solicitude.